Formación Manicómicos 2015-2016



A Asociación Cultural Manicómicos presenta o seu plan de formación anual en artes escénicas para o presente curso 2015-2016

Descripción dos módulos:

MÓDULO 1- OBRADOIRO DE TEATRO (adultos)

con Luis Vivanco: luns 20,30h – 22,30h (+info: 666 889 789)

A práctica da actividade teatral resulta beneficiosa xa que posibilita exercitar a memoria, revaloriza a creatividade e fortalece as capacidades sensoriais e perceptivas nas persoas que o practican, aumentando a súa autoestima. O taller consistirá na exploración dos recursos expresivos dos participantes, tomando como pretexto a posta en escena dunha obra (ou sketches) para ser representada ao final do curso.

O corpo

 Toma de conciencia do propio corpo e o seu estado de forma

 Conciencia postural e proxeción do movemento

 Movemento escénico

 A escoita e o coro

A voz

 O aparato fonador: De que consta e como actúa

 A respiración: Conciencia e control

 A proxeción da voz: Entoación, timbre, modulación e colocación

 O texto: Articulación, dicción, acentos

O texto

 Estudio e análise de escenas teatrais

 Conflictos

 Accións físicas

 Xogos de roles

Luis Vivanco, actor en teatro, cine e televisión. Colaborou con compañías teatrais como “O’ar Teatro”, “Teatro del Andamio”, “It’eatro” , etc. Participou en series como “Valderrei”, “Hospital central”, “Matalobos”, “La que  se avecina” e tamén en películas como  “Os Fenómenos”, “Unha Muller invisibel” e “Rafael”.  No académico cabería destacar o seu posgrao en estudos teatrais e audiovisuais, outorgado pola Universidade da Coruña, así como diferentes obradoiros impartidos por directores como John Strasberg, Benito Zambrano, Carlos Sante, Álvaro Guevara, Camilo Luzuriaga, Joâo Barroso, entre outros. A súa experiencia como docente estivo vencellada tanto ao traballo con rapaces como con adultos, especialmente en obradoiros permanentes en colexios e asociacións. Nos últimos catro anos estivo ligado a proxectos como “La tuerka 27”, da cal foi socio fundador; asimesmo fundou a compañía “Teatro en tu casa”.

MÓDULO 2- BAILANDO CABARÉ (+16)

con Yolanda Paz: martes 11h – 13h (+info: 637 457 755)

Descubre o teu lado máis seductor a través de sinxelas e divertidas coreografías nas que traballarás a coordinación, o ritmo e a actitude, para aprender a expresarte con soltura tanto sobre o escenario como na vida cotiá.

Faremos un percorrido polas diferentes épocas do Cabaré máis clásico e as súas músicas. Empregaremos elementos e complementos de apoio como cadeiras, chapeus, boas e zapatos de tacón (opcional).

Un curso dirixido a homes e mulleres de calquera idade e forma física. Non é necesaria experiencia previa, destinado a tódolos niveis.

Yolanda Paz, entra no mundo do cabaré a finais do século XX, descubrindo este xénero como nova e completa forma de expresión. Namórase del pola cantidade de disciplinas coas que se pode traballar… teatro, danza, música, técnicas circenses… Unha das artes escénicas máis completas, dende o punto de vista da intérprete. Coa súa formación e experiencia en cabaré, burlesque, danza, teatro, canto, mimo, clown, circo, caracterización e improvisación teatral, crea un estilo moi persoal, dando forma a diferentes espectáculos como intérprete, bailarina, cantante e vestuarista. Creadora de Take It Off!!, imparte cursos de Burlesque, Teatro e Cabaret en diferentes escolas de teatro, danza, centros culturais e pole dance.

MÓDULO 3- CABARET E BURLESQUE (adultos)

con Yolanda Paz: martes 20,30h – 22,30h (+info: 637 457 755)

O espertar da sensualidade é un camiño para permitir que a paixón e o asombro inunden as nosas vidas, abríndonos as portas do noso potencial    feminino ou masculino e a súa comunicación non verbal. Unha forma de experimentar a vida plenamente a través da exploración dos sentidos. Traballaremos a desinhibición a través do xogo, a comedia, a improvisación e o movemento, descubriremos o talento persoal, potenciaremos a creatividade, aumentaremos a valentía e a autoestima. Enfrontarémonos ao control da vergoña confiando no noso instinto e expresándonos con liberdade mellorando a nosa presenza. Este curso está dirixido a todas aquelas persoas, sen importar o seu sexo, profesión, ou forma física que teñan curiosidade por coñecer o marabilloso mundo do Cabaré e do Burlesque, ben para poñelo en práctica de forma profesional sobre a escena, como para integralo no día a día e disfrutar dos seus beneficios, xa que aporta grandes doses de seguridade, autoestima e espontaneidade.

MÓDULO 4- CLOWN E IMPROVISACIÓN (adultos)

con Carlos Sante: mércores 20,30h – 22,30h (+info: 630 693 148)

Xogo dramático, presenza escénica, improvisación, clown, creación de personaxes… O curso está destinado a xente inquieta por aprender dun xeito rápido e efectivo as normas básicas do xogo teatral orientado cara a busca dunha comicidade propia, de cara a desenvolver e fixar a arte da autoescoita e o control do fluxo de enerxía en escena cun mesmo e co público.

Que pasa cando estou ante o público, como vencer o medo escénico e facelo favorable, como potenciar a miña presenza, como xogar a nosa voz e o noso corpo para crear un impacto no público e ir construindo un personaxe único e irrepetible de nós mesmos. Como facer rir e por que rimos; en definitiva, como achegarnos ao noso clown

Viaxaremos a través do xogo teatral e a improvisación ao apaixoante mundo da busca do pallaso escénico, indagando na sensibilidade, a dispoñibilidade, o contacto co público, a fantasía, a inxenuidade, o fracaso e o éxito, e o corazón daquilo que damos en chamar o noso propio clown. E todo a través da máis potente ferramenta que posuímos: nós mesmos, coa nosa enerxía, corpo e voz, e a nosa imaxinación.

Carlos Sante, actor profesional en teatro, cine, T.V. e dobraxe, pasou por compañías como Ollomol-Tranvía, Matarile, Centro Dramático Galego, San&saN, entre outras. Na súa formación teatral cabe destacar o Posgrao en Interpretación pola Universidade de Santiago e o Diploma na École Philippe Gaulier de Londres, onde residiu dous anos. Ven desenvolvendo e perfeccionando a súa actividade pedagóxica desde hai xa máis de quince anos, logo de construir o seu método persoal de traballo a partires da experiencia propia, e a adquirada con grandes mestres e figuras do clown e a comedia física internacionais como Philippe Gaulier, Michel Dallaire, Pierre Byland, Joseph Collard, Joss Houben, Gardi Hutter, Jango Edwards, Nola Rae, Johnny Melville, Leo Bassi, Antón Valén, Virginia Imaz, Hilary Chaplain ou Carlo Colombaioni.

MÓDULO 5- CRIANZA E PRECIRCO (2-6 anos)

con Ánxela Blanco: xoves 10h – 13h (+info: 637 479 881)

Contos con obxectos, contos con sombras, outros tipos de contos, lectura, música, labores cotiáns, exploración de obxectos (aros, colchonetas, mazas, panos malabares, teas…), psicomotricidade, xogo motor, danza, contido visual (video-danza, video-poemas, cinema…), monitorización (as máis maiores acompañan as máis pequenas), expresión gráfica e plástica (con recursos específicos e a partires de obxectos cotiáns ou de refugallo…

Este grupo de crianza pretende ser un lugar de afecto, de convivencia e de estímulo. Partiremos do esquema das sesións de psicomotricidade (motor-conto-plástica), para permeabilizalo aos  ritmos e intereses do grupo. Disfrutaremos de tódolos recursos materiais da asociación e ademáis sería xenial poder facer algunha saída a outros espazos da cidade coa axuda das familias que poidan implicarse.

Ánxela Blanco, artísta escénica interesada na infancia e na transmisión de saberes e prácticas artísticas que impliquen o corpo e a expresión, facilitando entornos onde poida emerxer o interese e profundizar nas vontades.

No pedagóxico, influenciada pola Educación Creadora de Arno Stern (e o proxecto Diraya), inspirada pola liberdade de movemento que propón Emmi Pikler dende o instituto Loczy, ou pola estructura das sesións de psicomotricidade de Lapierre, ou pola profunda confianza nas capacidades diversas do Pelouro. No artístico, a maxia revolucionaria de Pina Bausch, misturando a danza co teatro, a poesía sutil e conmovedora do circo de James Thierrée, o primitivo dos corifeos de Maguy Marin, o desgarrador de Castellucci ou a coherente e multicultural proposta de Elefante Elegante.

Sempre na consciencia, a capacidade transformadora da arte, e a importancia de integrala na educación, para integrala na vida.

MÓDULO 6- PEQUECIRCO (4-12 anos)

con Ánxela Blanco e Davinia Rico: xoves 18h-20h e sábados 11h-13h

(+info: 637 457 755 / 691 073 041)

As técnicas de circo e o xogo desenvolven capacidades persoais como a imaxinación, a observación e a creatividade. Esixen unha análise e unha interpretación da realidade, e, sobre todo, fomentan a comunicación, a partires principalmente de dúas formas de expresión, a oral e a corporal.
Ao tratarse dun traballo en grupo, cóidanse e foméntanse as relacións persoais.

As sesións desenvólvense cunha parte colectiva de quencemento, un bloque central onde cada persoa explora segundo os seus intereses ou  motivacións, co acompañamento da parella educativa ou de outras compañeiras, e unha relaxación ao rematar.

Tonificación, elasticidade, coordinación, destreza, acompañamento na disciplina escollida, manipulación de obxectos, iniciación aos malabares, xogo teatral, iniciación á acrobacia e perfeccionamento, iniciación ás técnicas de aéreos (trapecio e corda) e perfeccionamento, acompañamento na creación de números persoais ou en equipo, coreografías, iniciación á linguaxe escénica  (presenza, ollada, ritmo, entradas e saídas…).

Os alumnos terán opción de participar nunha mostra pública cada trimestre e dun pequeño espectáculo colectivo ao final do proceso.

Davinia Rico, fórmase en Bristol (Inglaterra) en Performance Arts a comezos do 2000, e daí continúa en Lisboa cos seus estudos circenses na escola do Chapitô, especializándose en acrobacia aérea. De volta en Bilbao,  métese de cheo no mundo do circo colaborando coa asociación de circo Koblakari, onde continúa formándose en técnicas como acroportes, trapecio en dúo e clown. A súa aprendizaxe continúa a cargo de mestres como Jesús Jara, José Piris ou Lila Monti. Fundadora da compañía “Atropecias”, e creadora do espectáculo “Echadas a la Mar” seleccionado en diversos festivais da península como o Umore Azoka de Leioa ou Festiclown no 2009, ou o festival FARPA en Portugal. Traballou para a compañía Femme Fatale, participando no seu espectáculo “Unha cadeira para mover o mundo”. Crea espectáculos de pequeno formato como “Había una vez la fantasía” ou performances como “Wahnsinn”, ou “La vida de las tormentas”.

MÓDULO 7- CREACLOWN (adultos)

con Carlos Sante: xoves 20,30h – 22,30h (+info: 630 693 148)

Chega o novo e agardado por antigos alumnos módulo de Clown II, módulo de creación de cara á montaxe dun espectáculo de clown.  Nunha primeira etapa do curso faremos unha posta a punto para potenciar o clown de cada alumno, con especial atención na autoescoita física, enerxética e emocional, de cara a liberar a expresión persoal do personaxe-actor dunha maneira consciente e efectiva en xogo co público, e dotalo de claridade naquelas facetas do xogo que aínda non domine. Unha vez equilibrado o grupo comezaremos a traballar de cara á montaxe do espectáculo, cuia temática virá dada logo dunha posta en común cos alumnos. Para facer este módulo é necesario ter unha base clara de clown, aprendida ben en Manicómicos, ben noutras escolas.

MÓDULO 8- TEATRO XUVENIL (12-17 anos)

con Keke Díez: venres 19,30h 21,30h (+info: 618 483 319)

Mediante o xogo dramático, guiado e pactado, xeraremos estímulos que     aporten creatividade e expresividade, esperten a curiosidade e desenvolvan a imaxinación e a expresión oral e corporal dos rapaces. Exploraremos diferentes corporalidades, voces e actitudes. Grazas á capacidade dos alumnos de reproducir aquilo que puideron ver, sentir ou imaxinar, poderán descubrir distintas realidades tanto cotiás como fantásticas.

Potenciando a creatividade, a empatía, a confianza, o traballo grupal e as habilidades sociais, construindo personaxes, viaxando a través das emocións e os conflictos, imitando estereotipos, ou emulando co corpo diferentes accións ou obxectos, os alumnos desenvolverán as habilidades mímicas e orais, a expresividade corporal e a capacidade de movemento, dun xeito moi divertido e imaxinativo.

Ao mesmo tempo irán perdendo o medo ou a vergoña a falar en público, o cal lles axudará na vida a enfrontarse a situacións complexas, independentemente de que máis adiante queiran ou non adicarse ao teatro.

Porán en escena as súas prácticas ante o público, cooperando cos compañeiros na montaxe das ideas que vaian xurdindo durante o curso.

Co teatro, e especialmente nestas idades tan “revoltas”, irán desenvolvendo e afianzando as súas personalidades, limando posibles complexos ou frustacións.

Keke Díez, descubriu as táboas depois de coñecer os máis diversos ámbitos laborais. Iniciouse no mundo do clown no ano 2003, ao mesmo tempo que se xestaba a Asociación Manicómicos. Nela descubriu a paixón polo teatro saboreando escenarios de toda Galicia e formándose da man de mestres internacionais de renome.

No ano 2010 rematou os estudos de formación actoral na recoñecida Escola de Teatro de Narón, e dende entón imparte clases de teatro en diversos concellos e asociacións da provincia da Coruña.

Pasou por compañías como San&saN, Os Colombaíños, O Aturuxo de Melpómene, Triskitrueke Productions ou Animundis, e na actualidade dirixe a Compañía de Teatro Municipal de Sada, o grupo terapéutico Teatro e Saúde da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña, e codirixe o Grupo de Teatro Municipal de Oleiros, entre outros.

Actividades Paralelas:

Presentacións públicas:Os alumnos terán ocasión de presentar os seus traballos ante o público, tanto no propio local de Manicómicos durante o curso, como a finais de xuño na Mostra de fin de curso no Forum Metropolitano.

Galas e cabarés: Os alumnos poderán participar activamente dos proxectos ante o público que irán xurdindo durante o ano, como son os cabarés de variedades, pasarrúas, galas ou as actuacións propias da asociación que se poidan levar a cabo en teatros tanto da cidade como noutros circuitos culturais.

Asóciate a Manicómicos:

Colabora con Manicómicos e participa con nós das múltiples actividades que levamos a cabo; aparte de coñecer unha gran familia artística e compartir sinerxias, poderás obter descontos nos cursos, dispor da nosa sala para ensaiar, crear, propoñer, compartir… Aventúrate, paga a pena!

IN-FORMACIÓN MANICÓMICOS 2015-2016

As clases comezan o 28 de setembro no local da asociación e rematan a finais de xuño coa Mostra de Fin de Curso no Fórum Metropolitano.

MATRÍCULA, PREZOS, DESCONTOS E MÁIS:

A matrícula anual (só para adultos) ten un custo de 20€ para cubrir o seguro de responsabilidade civil, e págase xunto coa primeira cota mensual. Só se precisa dunha matrícula para participar en varios cursos. Para alumnado que se incorpore a partires de febreiro, inclusive, o prezo da mesma será de 10€.

En tódolos cursos a 1ª clase é de proba. Podes vir probar calquera das actividades dende o comezo do curso ata finais de outubro, previa inscripción, e logo elexir en cal te queres quedar.

O prezo por actividade para adultos é de 35€ ao mes, pero se un mesmo alumno fai dous módulos son 60€, tres módulos 80€, catro módulos 100€ ao mes, e se fixera cinco podería disfrutar do BONO TOTAL por 120€ ao mes.

O prezo para alumnos menores de idade é de 30€ ao mes, e hai contemplados descontos por nº de irmáns ou materias: dous irmáns/dous módulos: 52€.

O prezo do módulo de crianza e precirco é de 40€ ao mes, e de 60€ se son dous irmáns ou comparten outro módulo (pequecirco neste caso). No caso de tres irmáns ou módulos, serían 75€ ao mes.

Existe a posibilidade de tomar clases soltas a 10€, preguntando antes ao profesor en cuestión.

Os socios e socias de Manicómicos con máis dun ano de antigüidade na asociación (ou que teñan pagada a cota de 100€/ano) disfrutarán dos seguintes descontos: 1 módulo ao mes 25€, dous 45€, tres 60€.  Ser socio non exime de pagar integramente a matrícula anual.

FORMA DE PAGO: a primeira semana do mes correspondente mediante transferencia bancaria na conta da asociación. A domiciliación dos recibos facilitará o proceso, co cal recomendamos que os alumnos a fagan ao comezo do curso. Se non estás dacordo con este xeito de pago fáinolo saber.

Os alumnos cubrirán unha ficha cos seus datos persoais, de carácter interno e confidencial, segundo a lei orgánica de protección de datos.

Contacto

A Asociación Cultural Manicómicos está en:

Rúa Andrés Gaos 16 baixo, A CORUÑA – (zona As Conchiñas)

Tlfnos: 692 213 292 – 981 262604

E-mail: manicomicos@hotmail.com

www.manicomicos.org

Facebook: manicomicos

Twitter: @ACManicomicos

Colabora: Deputación da Coruña


11 Setembro 2015