Comezan as actuacións de rúa do XV Festival Manicómicos



Mañá Xoves 13 e ata o Domingo 16…

COMEZAN AS ACTUACIÓNS DE RÚA DO XV FESTIVAL MANICÓMICOS!!!

PROGRAMACIÓN OFICIAL:

Les Artuáns – “Les Artuáns”

Xoves 13 Agosto 20:00 – Praza Azcárraga

Venres 14 Agosto 20:00 – Parque de Oza

Dos creadores de “Antuán de la Cream” e “Arturo Nono”

Agora unidos nun mesmo show, nace “Les Artuáns”, un espectáculo de maxia cómica, onde o cómico se ve… e a maxia tamén!

Un show onde se mesturan clown, mimo, absurdo, risos, máis clown, moitos máis risos e tamén un pouco de maxia.

Todo público. Duración: 50 minutos

Pelotinautas – “Fair Play“

Xoves 13 Agosto 20:00 – Parque Santa Margarida

Venres 14 Agosto 20:00 – Obelisco

Comedia en clave de cine mudo e circo que evoca os tolos anos 20.

Dous elegantes gentlemen disputarán un partido de tenis en varios sets… ou cando menos o tentarán.

Deportividade si, xogo limpo tamén, costumes cabaleirescas,  por suposto!           Pero… que gañe o mellor!!

Espectáculo de teatro xestual con elementos de circo e malabares.

Todo público. Duración: 50 minutos

Antón Coucheiro (Cou) – “Psicópata”

Xoves 13 Agosto 22:00 – Interior Castelo San Antón

Sábado 15 Agosto 22:00 – Interior Castelo San Antón

Germán Serra é un verdadeiro monstro. Coñecido como o Artista do Cútter, deixou tras de si un regueiro de asasinatos e pezas de arte con cadáveres que o fixeron famoso.

Despois de dez anos en prisión, accedeu a realizar unha serie de performances organizadas por Institucións Penitenciarias para reducir a súa condena. Leva unha década sen matar, pero hoxe pode ser diferente…

Suspense, interactuación co público, vídeo, cancións, humor gráfico, playmobils, dj, maxia, provocación, efectos especiais, algo de terror e sobre todo humor negro; todo iso é Psicópata

Público adulto. Duración: 75 minutos

Aforo limitado a 400 persoas por orde de chegada.

Inversa Teatro – “Té con Kant“

Venres 14 Agosto 22:00 – Interior Castelo San Antón

María Roja e Marta Pérez son Theodora Kraus e Johana Gottfried, dúas mulleres ilustradas de clase alta, nacidas en 1750 e 1748, respectivamente, na cidade de Königsberg, na Prusia Oriental, hoxe en día rebautizada como Kaliningrado.

Coetáneas de pensadores, matemáticos e filósofos como Inmanuel Kant, Rosseau, Voltaire, Motesquieu, Johann George Hamann, Lessing, Leonhard Euler, David Hume… viven e sofren a discriminación de non ter acceso á universidade por seren mulleres…

Falar de filosofía dun modo actual, aínda que rigoroso, entendible, aínda que non infantilizado, e reivindicar que aínda está máis vixente do que queremos pensar en todos os nosos actos. Para que? Para que o público marche cunha idea do que significa a metafísica, do que significa ser libre e tamén para criticar o propio Kant e a súa famosa cita, tomada de Horacio: “Sapere Aude”, é dicir, “atrévete a pensar”. “Atrévete a pensar en que?”, espétalle Johanna a Theodora durante a función, realizando unha forte e dura crítica marxista ante o idealismo kantiano…

“Sapere Aude” cita que tamén é o contrasinal que o público debe dar para poder ter acceso a este espectáculo, rememorando os Salóns Ilustrados Clandestinos que as mulleres organizaban nesa época.

As ideas filosóficas, por suposto, pasan tamén pola crítica cara a propia filosofía e os filósofos por esquecerse da metade da poboación mundana: as mulleres; como é posible que tendo a filosofía unha pretensión universal, se esqueza sen embargo, da metade do universo?

Público adulto. Duración: 90 minutos

Aforo limitado a 400 persoas por orde de chegada.

The Momento Impro – “Entreliñas“

Sábado 15 Agosto 20:00 – Cúpula do Matadoiro

Espectáculo baseado na improvisación, onde ninguén sabe o que vai ocorrer en cada representación.

Oportunidade única para ver un show fresco, orixinal e inovador.

Público adulto. Duración: 50 minutos

Mundo Mandarina – “Laboratorio Máxico“

Sábado 15 Agosto 12:00 – Campo da Leña

Domingo 16 Agosto 12:00 – Praza Elíptica, As Roseiras

Neste espectáculo no que se mesturan a maxia, o clown e os monicreques, Mandarina fará que grandes e pequenos se sorprendan e rían con xogos de maxia cómica e a aparición do seu malhumorado paxaro, Rigoberto.

Improvisación, humor e maxia sorprendente farán que a risa xurda como unha necesidade en grandes e adultos.

Todo público. Duración: 50 minutos

Fra Martó – “OuT of the Blù“

Domingo 16 Agosto 12:00 – Praza das Conchiñas

A protagonista desta historia colga a colada na praza e coa súa lavadora portátil crea a confusión na vida dos seus habitantes. Os espectadores están directamente implicados en todo o espectáculo. Unha innovadora forma de show de rúa onde a manipulación de obxectos, malabares e clown son a base da comunicación narrativa.

Todo público. Duración: 50 minutos

Joan Catalá – “Pelat“

Sábado 15 Agosto 20:30 – Praza de María Pita

Domingo 16 Agosto 19:00 – Praza de María Pita

Pelat é unha proposta que elimina as fronteiras entre a danza, o circo, o teatro e a performance, entre público e espectáculo.
Unha revisión natural de técnicas artesanais e lembranzas propias.

Unha mostra cambiante, única, como resultado da interacción co espectador.

Todo público. Duración: 40 minutos

Los Duguis Impro + The Momento Impro – “Improfantasía“

Domingo 16 Agosto – Praza Barrio das Flores

Marabillosas historias que aparecerán como por arte de maxia ante os nosos ollos, da man dunhas bruxas encantadoras e uns elfos moi simpáticos!

Iso si, contando coa axuda dos pequenos aprendices de bruxos e as súas palabras máxicas.

Nenas e nenos a partires dos 5 anos. Duración: 50 minutos

Asociación Cultural Manicómicos – “Gala“

Domingo 16 Agosto – Praza de María Pita

Unha mestra de ceremonias conducirá os espectadores polas novas e máis variadas propostas escénicas que se están a desenvolver na nosa comunidade. 20 artistas participarán nesta gran gala.

Circo, danza, clown, acrobacias e sobre todo moito humor.

Todo público. Duración: 90 minutos

www.manicomicos.org

Twitter: @ACManicomicos

Facebook: Manicomicos

12 Agosto 2015