XV Festival Manicómicos 2015



Tras 11 anos de existencia, e cantidade de proxectos realizados no eido das artes escénicas na cidade da Coruña – tanto formativos como de produción de espectáculos e eventos – a Asociación Cultural Manicómicos, no seu interese por chegar á cidadanía dun modo directo, propón para o programa de festas de agosto de 2015 do Concello da Coruña, a realización do seu XV Festival Manicómicos de comedia teatro e circo, centrado nas artes escénicas de rúa, coa exhibición de espectáculos de contrastada calidade para tódolos públicos, e cun interese fundamental de chegar ao maior número de público posible, tanto nas rúas e prazas céntricas da cidade, como nos barrios que normalmente non disfrutan deste tipo de eventos.

Para iso presenta, dende o traballo asociativo, unha programación de Festival na que se integran durante dúas semanas, accións promocionais en formato de pasarrúas e previas á programación oficial do festival, que contará con espectáculos de teatro cómico e novo-circo do panorama galego contemporáneo, xunto con outros de artistas invitados de fóra da nosa comunidade

Máis de 8 barrios nos Pasarrúas, do 6 ó 9 de agosto, e 12 localizacións diferentes na Programación Oficial de espectáculos na rúa, do 13 ó 16 de agosto, (entre elas o interior do Castelo de San Antón) para poder disfrutar dunha programación de teatro de calidade durante o mes de festas da nosa cidade.

Ademais a Asociación Cultural Manicómicos ofrecerá como peche do Festival unha Gala na Praza de María Pita onde poderemos disfrutar tanto de artistas locais vinculados á asociación e artistas invitados, así como de números de alumnas e alumnos que cursan a programación regular da asociación e que terán o privilexio de actuar acompañados e guiados por compañeiros máis experimentados.

En breve teremos listo o cartaz con tódolos horarios e localizacións

26 Xullo 2015