Merda: unha análise da sociedade moderna



O vindeiro sábado 28 de xuño estréase Merda, un espectáculo desenvolvido durante o curso 2013-14 polo grupo de Creación Escénica do programa de Formación Teatral da Asociación Cultural Manicómicos, baixo a dirección de Carlos Sante e Gonçalo Guerreiro, profesores do programa.

Merda é obra de “título atrevido” que invita a reflexión e provoca incerteza no espectador. Fuxindo do puramente escatolóxico, e mesturando ironía, poesía e moito elemento plástico en escena, a representación trata “dous diferentes conceptos de merda que existen na sociedade moderna: a que todos temos dentro, e a do exterior, a que nos venden, a que sae pola televisión e conforma arealidade que somos…”, conta Carlos Sante.

Retomando a liña temática do traballo que se realizou no curso 2012-2013 sobre o consumismo, e que levaba por título Apariencias, Merda vai un paso máis alá. Que vén despois do consumo?; que facemos con todos eses restos?; e aínda máis, que posición adopta o ser humano diante desta realidade?, pregúntase Gonçalo. Trátase dun espectáculo abstracto que busca a suxestión do espectador sen ser demasiado explícito nas mensaxes . “Trátase de estimular a imaxinación“, sentencia Gonçalo Guerreiro.

En outubro do ano pasado, comezaron os traballos de ensaio e preparación da posta en escena. Nove persoas, que se adican ao teatro de xeito amateur, ensaiaron durante dez meses, semana tras semana. Algo moi difícil de conseguir debido aos compromisos persoais e profesionais dos integrantes do taller, pero que, grazas á alta dose de implicación do grupo, o proxecto é hoxe unha realidade.

Os douys profesores confesan agardar “con moitas ganas” o día da estrea e esperan que nun futuro a obra poida ser representada noutros espazos, aínda que Gonçalo recoñece a complexidade do momento e que os programadores buscan espectáculos de “puro entretemento”. Polo de pronto, a primeira representación, a estrea e primeiro contacto co público será este sábado, ás 20.30 h., no Centro Cultural Ágora da Coruña.

Compoñen o reparto de Merda: Héctor Martínez, Carlos Moure, Alba Farto, Marta Mato, Iria Mourón, Verónica Martínez, Martín Cortés, Julia Miguel López, Yésica Val e Felipe Díaz “Caxo”.

27 Xuño 2014