Manifiesto da Asociación Cultural Manicómicos



Despois de 12 edicións consecutivas do Festival Manicómicos, que sempre contou co apoio masivo do público e cunha calidade artística e organizativa demostradas e melloradas edición tras edición, a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña prescinde unilateralmente e por primeira vez dun festival ao que sempre tiña apoiado.

Para a edición prevista para este mes de agosto, Manicómicos ve desprezada a súa proposta e prescindido o seu servizo público. A Concellaría de Cultura, no canto de apoiar á asociación e á súa xa demostrada capacidade organizativa, aprópiase dalgunhas das súas ideas e aprovéitase do traballo de programación realizado, facendo súas, iniciativas orixinalmente presentadas por Manicómicos.

É de destacar polo tanto, non só o feito de que se prescinde do traballo da asociación, senón das formas coas que se fai, cunha absoluta falta de respecto cara ás persoas vinculadas á organización do festival. Por outra banda, esta falta de respecto reflíctese na inexistencia dunha política clara de cara ás actividades da asociación, sendo estas constantemente cuestionadas, impedindo así calquera planificación, o que afecta enormemente tanto ao traballo de moitas persoas voluntarias como ao equilibrio orzamentario da asociación.

A Asociación Cultural Manicómicos é unha entidade sen ánimo de lucro creada co obxectivo de fomentar a cultura e o teatro. Como tal, é un fervedoiro de artistas. Nela conflúen compañías profesionais e afeccionadas e fórmanse cada ano novas actrices e actores grazas ao traballo e dedicación de competentes pedagogos, pertencentes á propia asociación ou convidados do exterior. A asociación ten un papel activo na dinamización cultural e no tecido artístico da cidade da Coruña, en materias como o teatro, a danza, o clown e as artes circenses. A actividade da asociación multiplícase así entre a formación, a creación de espectáculos e a produción de festivais, xerando o encontro entre artistas locais, nacionais e internacionais. Apoiar as iniciativas de Manicómicos é apoiar a cultura de base da cidade e reafirmar a identidade cultural galega. Negando o seu apoio a Manicómicos, a Concellaría de Cultura nega o seu apoio ao asociacionismo e á cultura producida na cidade.

A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña elimina un festival que sempre foi querido polo público, do que moita xente puido gozar en tantas e variadas ocasións, dinamizador e xerador de múltiples sinerxías, e que medrou coa Asociación Manicómicos. Un festival feito con moito amor e cariño, de gran calidade artística, cunha grande labor organizativa e implicación de todos os socios, amigos e compañeiros. Un festival onde recibir as compañías sempre foi unha festa, e do que máis dunha vez os artistas marchaban cunha bágoa nos ollos e moitos amigos no corazón.

Socias e socios da Asociación Cultural Manicómicos

1 Agosto 2012