Mostra de Escolas de Teatro 2011



Lugar: Fórum Metropolitano (R/ Río Monelos s/n A Coruña)

Organiza: AC Manicómicos

Mércores 15, 20:30 (Entrada: 3 €)

  • Casa Hamlet: “Travesía”
  • Teatro del Andamio: “El Aniversario”

Xoves 16, 17:00h (para cativos) (Entrada: 2 €)

  • Baixiño: “Circo Alegre”
  • Manicómicos: “Os Vagabundos” e “Patas Arriba”

Xoves 16, 20:30h (Entrada: 3 €)

  • Espazo Aberto: “Poema Visual”
  • Manicómicos: “Mostra Colectiva”

Venres 17, 20:30h (Entrada: 3 €)

  • Teatro Escola Narón: “O Pasatempo”
  • Escola de Teatro Ardebullo: “Unha de vaqueiros”

A Mostra de Escolas de Teatro é un proxecto que coordina Manicómicos coa colaboración da Concellería de Cultura e o Fórum Metropolitano. Trátase dun punto de converxencia de distintas escolas de teatro de Galicia. Un viveiro de artistas das artes escénicas e unha grande aportunidade de amosar a evolución de novos intérpretes e creadores de teatro, clown, mimo, circo…

Flyer dianteFlyer atrás

PROGRAMACIÓN:

Mércores 15 de xuño 2010 – Forumetropolitano – 20.30h

Casahamlet: Estudio de teatro fundado en 1998 na Coruña por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández. Mantén dende entón un curso académico con aulas expresión corporal, oral e interpretación. Ofrece ademáis cursos especiais de Commedia dell’Arte, pantomima, escrita teatral, historia do teatro, teatro infantil, así como foros e aulas abertas. Publica tamén a súa propia revista e manual de teatro, e mantén unha compañía profesional e un obradoiro cos seus alumnos. Hoxe presentan “Travesía”, sobre textos de Manuel Lourenzo e outros autores.

Blog de Casahamlet

Teatro del Andamio: Creado por Alvaro Guevara e Tatiana Likhacheva na Coruña no 2002, mantén tres liñas de traballo diferenciadas e interrelacionadas: a escola de formación actoral, encamiñada a dotar os alumnos da técnica necesaria para a súa profesionalización, e baseada na escola rusa de Stanislawsky, Meyerhold e Vagtángov, a compañía profesional en si, que se nutre dos propios alumnos, e a súa sala de teatro alternativa. Hoxe presentan “El aniversario”, de A. Chejov, dirixida por Tatiana Likhacheva.

Web Teatro del Andamio

Xoves 16 de xuño 2011 – Forumetropolitano – 17h – Programa “Peques a Escena”

O Baixiño: Espazo de ocio creativo e terapéutico creado na Coruña no 2010 para pequenos e maiores de calquer nivel funcional, que traballa empregando unha metodoloxía de xogo didáctico a través de obradoiros nos que se implican a expresión física, didáctica, corporal e creativa. Con este concepto queren mesturar ocio-artes-saúde para sacar o maior proveito ás horas de lecer de cada quen.  Hoxe presentan “Circo alegre”, creación colectiva coordinada por Teresa Babío.

O Baixiño en Facebook

Manicómicos Peques: Dentro do programa de formación teatral da Asociación Cultural Manicómicos, os máis cativos tamén teñen cabida para expresar a súa creatividade. Hoxe presentan as pezas “Os vagabundos” e “Patasarriba”, creacións colectivas con grupos de diferentes idades, coordinadas por Teresa Babío e Cristina Ramallal.

Web Manicómicos

Xoves 16 de xuño 2011 – Forumetropolitano – 20.30h

Espazo Aberto: Dende a súa creación en 1992 en Compostela, Espazoaberto traballa no deseño dun proxecto pedagóxico de vangarda que se caracteriza por contar non só con aquelas materias ligadas ao aspecto teatral, senón con todas as manifestacións artísticas que teñan que ver coa creación contemporánea: teatro, danza, actuación ante a cámara, loita escénica,  performance, acción contemporánea, historia dos novos comportamentos escénicos e artísticos…

Tras dezaoito anos dirixindo, asesorando e formando creadores, Espazoaberto conta xa cunha grande experiencia como centro pedagóxico, mais segue a crer na idea fundamental de que a formación, a autonomía e a liberdade han de ser as chaves coas que todo artista contemporáneo debe contar á hora de crear e transformar a realidade.

Hoxe presentan “Poema visual – morea de ratos”, creación colectiva dos alumnos, coordinada por Carlos Neira.

Web Espazo Aberto

Manicómicos: Da súa Asociación Cultural teñen saído dende a súa creación no 2004 cantidade de proxectos artísticos, entre os que cabe destacar o seu Festival Internacional de Teatro Cómico, espectáculos e galas de creación propia, e múltiples actividades formativas. Na súa escola impártense con carácter de curso escolar obradoiros de improvisación, clown, creación de personaxes, commedia dell’arte, teatro físico, técnicas de circo contemporáneo, mimo, hip-hop, ioga, canto ou pilates. Hoxe, o grupo de adultos presenta unha escolma de números de teatro de movemento, acrobacia, clown e canto, creados para a ocasión polos seus alumnos, baixo a coordinación dos seus profes Gonçalo Guerreiro, Alfredo Pérez, Carlos Sante e Carmen Rey.

Web Manicómicos

Venres 17 de xuño 2011 – Forumetropolitano – 20.30h

Teatro Escola de Narón: Escola creada en 1982 dependente do Padroado de Cultura do Concello de Narón. Imparte un total de once asignaturas relacionadas directamente co oficio da interpretación actoral nos dous ciclos formativos dos que consta ó longo de cinco anos: aproximación ó teatro, teoría e historia teatral, interpretación, voz, teatro físico, creatividade dramática, posta en escena, montaxe de espectáculos, danza e música.

Hoxe presentan “Pasatempo”, creación colectiva dos alumnos, coordinada por Pablo Sánchez.

Web Escola de Narón

Escola de Teatro Ardebullo: Espazo-foro de cursos e obradoiros de teatro, baile, música, exercicios e moitas outras actividades para nenos e maiores. As clases, apadriñadas polas coñecidas Mucha e Nucha, abranguen diferentes disciplinas, dende o teatro ata os malabares, a música,  a ximnasia… manexando conceptos como deshibición, xogo, confianza, caracterización do personaxe, investigación da propia imaxe, clown, máscara, comedia da arte e estudio de grandes cómicos da historia.  Os cursos impártense nas instalacións de AiraPro en Carral dende o 2009.

Hoxe o grupo de adultos presenta “Unha de vaqueiros”, dirixida por Xosé Leis.

Web Airapro

10 Xuño 2011